Quen somos?

Somos un movemento popular que se uniu en 2015 para recadar os medios económicos necesarios para sufragar a restauración das Pinturas Murais de Sela.

Agrupámonos nunha comisión encabezada polo párroco Alfonso Besada, a Historiadora da Arte, Amabel González e as diversas asociacións da parroquia (Asociación Virxe do Carmen, Asociación Festa da Augardente de Sela, Comunidade de Montes en Man Común, Asociación Cultural Evaristo de Sela, Comunidades de Usuarios de Augas), apoiados polo Concello de Arbo.

INICIOS DO PROXECTO

O proxecto popular de restauración das pinturas murais da igrexa da parroquia de Santa Mariña de Sela (Arbo) empezouse a argallar durante a celebración da procesión da Virxe do Carme, o 16 de xullo de 2015. Xusto un ano despois, con moito orgullo e valentía veciñal, presentouse un proxecto que xa era moi necesario debido ao deterioro das pinturas que ameazaba coa súa desaparición.

Formouse entón unha comisión encabezada polo párroco, Alfonso Besada, diversas asociacións da parroquia (Asociación Virxe do Carmen, Asociación Festa da Augardente, Comunidade de Montes en Man Común, Asociación Cultural Evaristo de Sela, Comunidades de Usuarios de Augas), o Concello de Arbo e máis eu, Amabel González, historiadora da arte.

Tras unha exitosa campaña de recadación de cartos para sufragar a restauración, a veciñanza de Arbo conseguiu a metade do orzamento; a outra metade foi aboada pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. A empresa adxudicataria dos traballos foi TAU Restauración, de Ourense, que rematou a intervención en catro meses.

Este proxecto consta de tres fases: unha primeira de busca e reunión de fondos, unha segunda de realización dos traballos de restauración e unha terceira de difusión deste tesouro cultural e realización dun estudo histórico-artístico para determinar a data exacta e a autoría das pinturas. As dúas primeiras fases xa están rematadas, e continuamos traballando na terceira.

HISTORIA ARTÍSTICA

As pinturas atópanse na bóveda de cañón situada sobre o presbiterio da igrexa, no altar maior. Nelas represéntase o "Ciclo da Paixón de Xesucristo" (Paixón, Morte e Resurrección), característico do século XVIII. O estilo das pinturas pódese considerar Barroco popular.

Son 15 escenas distribuídas en tres rúas. Unha rúa central con tres escenas de tamaño superior ao resto, onde as máis importantes son a Santa Cea ou a Oración no Horto. Ademais, aparece aquí o escudo dos Puga e Novoa, heráldica que tamén se atopa no Pazo Casa Grande de Sela, situado xusto á beira da igrexa. Nas dúas rúas laterais represéntanse as diferentes escenas do Calvario da Paixón de Cristo e da Resurrección.

Parece que a data das pinturas murais podería ser a partir do ano 1683, tal como indica esta inscrición que se estende polas paredes laterais e que versa sobre a construción da capela, encargo do abade Baltasar de Puga e Novoa: “ESTA CAPILLA CORO SACRISTIA ICO A SU COTA D. ALTHASAR DE PUGA I NOBOA ABD ANO 1683”

Non obstante, ao non haber estudos profundos sobre as pinturas, non se pode afirmar con exactitude nin a súa data nin a súa autoría. Aínda que nun primeiro momento parecía claro que os murais pertencían a finais do século XVII, a restauración desvelou datos interesantes como a aparición dun pigmento que se empezou a utilizar a partir do s. XIX.

FUTURO PATRIMONIAL

Polo tanto, xorden novas incógnitas: podería ser que as pinturas se fixeran ao longo de diferentes épocas? Ou que foran realizadas por distintos pintores e en anos diferentes en función do presuposto de cada época? Podería ser que entre o inicio e o remate dos murais houbese case 200 anos de diferenza?

Aínda queda moito camiño de investigación por diante, pero no noso espazo web poden coñecer máis datos sobre o proceso de restauración e estar ao tanto das actividades paralelas que programemos arredor das pinturas murais.

Dende a parroquia de Sela, remato dando as grazas aos veciños, persoas e institucións públicas ou privadas que nos axudaron con este proxecto e que nos deixan unhas das leccións máis importantes: o éxito da unión dos veciños por riba de crenzas relixiosas, políticas ou ideolóxicas fixo que camiñásemos xuntos co único obxectivo de restaurar a cultura popular.

Sen cultura, non hai futuro!